AUTOPOÉTICA
Sábeme ti dicir desta torre de soltos.
Eu non sei máis.
Nin moito máis me importa, non penses.
Compaxínome coa vida diaria e sei
o preciso para estarabouzar por veces esta sida grotesca
a nos manter tan homes e mulleres:
afectados.
Síndrome
de sabérmonos sen tódalas defensas.
Síndrome
que traiamos adquirida e agora sumamos.
Síndrome, conta con iso, que en min alimento
para buscarme negra, si, negra, negra e afectada.
O resto,
o resto como un aire de taller.
Arias ten reflexionado abondo sobre a súa poética tanto en entrevistas como en poemas autorreflexivos. Para ela, o interese da poesía radica na indagación dos conflitos velados que sofren as persoas. Xela cre no poema capaz de poñer contra as cordas a orde habitual das cousas, no verso que desenmascara a crueldade da vida.
![]() | ![]() |
![]() | ![]() |
Dende Denuncia do equilibrio (1986) ata Intempériome (2003), pasando por Tigres coma cabalos (1990) e Darío a diario (1996), a súa poesía evoluciona sobre unha mesma base: a cuestión do Outro, a disociación da entidade psíquica e fisiolóxica do eu e do espazo que o arrodea. Sobre estes alicerces modúlanse variantes temáticas e estilísticas como a dimensión política da identidade, o diálogo coa fotografía, a reflexión sobre a maternidade e un serodio exercicio de intensificación e tensión das categorías gramaticais e sintácticas da linguaxe.




