Na década dos cincuenta retoma a súa actividade de publicista, colaborando —ás veces baixo pseudónimo—na prensa diaria (La Noche), en revistas literarias (Alba Aturuxo) e en publicacións especializadas (Cuadernos de Estudios Gallegos). Ao mesmo tempo dá pasos decisivos na súa carreira: en 1954 doutorouse en Madrid cunha tese que publica baixo o título «Aportaciones a la literatura contemporánea» (1955), e a súa versión en galego titulada Sete poetas galegos, en que estuda a obra de Rosalía, Pondal, Curros, Noriega, Varela, Cabanillas, Amado, Carvalho e Manuel Antonio. En 1958 ingresa na RAG co discurso «Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía».
Na década seguinte publica a súa monografía máis importante: a Historia da Literatura Galega Contemporánea (1963), dedicado ao século XIX, ampliando ata 1936 na segunda edición de 1975. Trátase dun traballo monumental que ofrece un relato sistemático e exhaustivamente documentado da construción da literatura en galego na idade contemporánea, sentando o criterio filolóxico (a literatura galega é a escrita en lingua galega) e establecendo cun fundamento crítico rigoroso un canon de autores clásicos e unha organización xerárquica do conxunto da produción.
![]() | ![]() | ||
| Ricardo Carvalho Calero. Historia da literatura galega contemporánea, Vigo, Galaxia, 1975. | Ricardo Carvalho Calero. Sete poetas galegos. Vigo, Galaxia, 1955. |
A parte do seu traballo historiográfico publica múltiples artigos. A súa produción crítica céntrase nos autores do Rexurdimento, especialmente Rosalía de Castro (recollidos en Estudos rosalianos, 1977) e da Xeración Nós —principalmente Otero Pedrayo e Castelao— e mais os poetas de preguerra, desde Ramón Cabanillas ata Manuel Antonio. Dos seus coetáneos, os preferidos foron Cunqueiro e Pimentel. Sen dúbida, debe ser considerado o fundador dos estudos literarios galegos.


