Nace en Ferrol en 1910, sendo o maior de seis irmáns que perden a nai en 1919, a consecuencia da epidemia de gripe. Estuda nun colexio dirixido por D. Manuel Comellas Coimbra, escritor en galego que publica en 1920 a obra teatral Pilara ou grandezas dos humildes, estreada con éxito en Ferrol no 1919. Carvalho publica os seus primeiros poemas na revista ferrolá Maruxa (1925-26) e despois en El Correo Gallego. En 1926, a piques de cumprir os 16 anos, ingresa na Universidade de Santiago para estudar a carreira de Dereito, que remata en 1931, ao tempo que se proclamaba a 2ª República. Neses anos entra a formar parte do Seminario de Estudos Galegos e contacta coa grandes figuras do galeguismo cultural, para rematar participando na fundación do Partido Galeguista en decembro de 1931.
Por estes anos publica os seus primeiros libros de poesía alternando o castelán de Trinitarias (1928) e La soledad confusa (1932) co galego en Vieiros (1931) e O silencio axionllado (1934).
Ricardo Carvalho Calero. Veiros. A Coruña, Nós, 1931. |
Ricardo Carvalho Calero. O silenzo axionllado. Santiago, Nós, 1934. |
En 1932 regresa a Ferrol e oposita a funcionario do concello mentres estuda por libre a carreira de Filosofía e Letras. En 1933 casa coa súa compañeira de estudos Mª Ignacia Ramos, profesora de Historia e tamén escritora en galego baixo o pseudónimo “María Silgar”. En 1935 remataa a carreira de Letras e en xuño de 1836 oposita para profesor en Madrid, mentres esperaban a primeira filla. Debido ao levantamento do exército o 18 de xullo xa non pode comunicarse coa familia ata cinco anos máis tarde, cando é liberado do cárcere despois de participar na defensa de Madrid, recibir instrución en Valencia e ir destinado como oficial a Xaén, onde ao final da Guerra é condenado a prisión polos vencedores.
Link a documental sobre a vida e obra de Carvalho Calero:
https://www.youtube.com/watch?v=_w6mEjn96ho