A historia da Editorial Galaxia comeza coa relación de tres personaxes: Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla. Como se pode supoñer, a causa galeguista foi o espazo que antecedeu o encontro dos tres intelectuais. Con todo, segundo narra Xesús Alonso Montero, mentres que Piñeiro sería o ideólogo inicial do proxecto, Isla encargaríase do proceso formalización da asociación e Fernández del Riego estaría a cargo da realización material da tarefa editorial. Asignación que non é gratuíta se se considera o seu papel na produción e distribución de material editorial militante. Neste caso, a idea común sería producir un espazo editorial que se convertese nunha ferramenta política e, sobre todo, que recuperase a dinámica cultural previa á guerra. O mesmo Fernández del Riego recoñece as condicións para o inicio dunha regaleguización cultural.
Xa que logo, en Vigo, no ano 1950, celébrase a asemblea fundacional de Editorial Galaxia. Nesa primeira fase, houbo consenso en asignar o papel de presidente a Ramón Otero Pedrayo, quen ostentara o mesmo cargo no Seminario de Estudos Galegos. Como documenta Malores Villanueva na biografía de Fernández, Pedrayo fora de deshabilitado da súa cátedra de Xeografía e Historia en 1937 pola súa militancia no Partida Galeguista e o seu papel en Galaxia sería unha especie de volta activa á discusión cultural galega.
Galaxia conseguiu case cincuenta subscricións, o que posibilitou a produción de Antífona da Cantiga de Ramón Cabanillas. A obra do poeta chegaría a dúas librarías de Vigo e máis tarde espallouse polo resto do territorio. Finalmente atoparía unha distribución más ambiciosa: Barcelona, Madrid e Bos Aires. En 1957, a editorial publica a súa colección Illa Nova, que procurou a publicación e distribución da literatura galega contemporánea. Así, nos primeiros quince anos da editorial, publicaran xa 120 volumes e, deste modo, Editorial Galaxia comezaba a ser unha referencia cultural que se mantén ata os nosos días.
No mesmo período, en 1951, coa colaboración activa de Fernández del Riego, elabórase o primeiro número da Colección Grial, publicada en Galaxia. A súa creación, en colaboración con Ramón Piñeiro, narrouse nas memorias de Fernández e presentamos aquí as súas palabras: “Artellámolo no piso que eu habitaba no rúa do Progreso. Traballamos durante longas xornadas ata o que o volume quedou ultimado”. Nese primeiro número, apareceron publicados o célebre ensaio de Piñeiro titulado “Significado metafísico da saudade” e tamén "Na lembranza de Hölderlin" de Otero Pedrayo, que xa anticipaba a vontade pluralista da revista.
Os primeiros dous números da Colección Grial.
A publicación tivo unha distribución modesta que se reduciu ás persoas colaboradas e subscritoras do primeiro número. Xa que logo, comezou una breve aventura relatada por Malores Villanueva: a aparición dun segundo número dedicado á pintura actual de Galicia e un terceiro á obra de Pardo Bazán. Este último, orixinalmente estaría dedicado a Curros Enríquez, pero a atención do réxime obrigounos a facer una mudanza para evitar una maior inspección. Finalmente, o cuarto e derradeiro número estivo orientado a tratar os aspectos económicos e xurídicos de Galicia. Con todo, a censura ocasionou que a publicación non tivese unha duración superior ao ano. Así, parecería que se tratou dun intento espontáneo e carente de consecuencias para vida cultural galega, pero, en todo caso, foi o antecedente dun proxecto que se conserva ata os nosos días.
Nota: En 1963, dez anos despois da primeira publicación, conseguen a autorización da Dirección Xeral de Prensa para publicar o primeiro número de Grial. Como narra Villanueva, a acollida desta publicación foi destacable nos galegos e galegas que vivían no estranxeiro. A intención de compartir a revista polo mundo adiante foi prioritario trala experiencia que viviron con aquela primeira versión.
Neste primeiro número, destacou a breve obra dramática “Farsa das zocas” de Carvalho Calero e unha homenaxe a Vicente Risco na sección de ensaios. Tamén, co pseudonimo de Cosme Barreriros, Fernández del Riego presentou un ensaio titulado "Rosalía e Azorín".
Fernández del Riego colaborou nos primeiros 100 números de Grial, o que supuxo cinco lustros de traballo ininterrompido. Na publicación, no só cumpriu a función de editor, senón que tamén colaborou con diversos pseudónimos. Neste, o seu último número, Del Riego escribe a súa colaboración de peche: "Non é cousa de trazar agora a historia de Grial. Atópase escrita nos centos e centos de traballos, nos milleiros de exemplares botados a voar, a partir do terceiro trimestre do 1963; e desde Vigo cara os anaqueis dos lugares máis diversos, galegos e foráneos, como mensaxeiros da nosa vida cultural. A revista foi sempre unha revista de leitura, unha publicación na que se rexistraron amosas de creación, de ensaio e de actividade informativa. Pensamos que se trata dunha revista atraínte para a xente non especializada, pero que interesa tamén aos especialistas. A súa capacidade de información cultural e crítica, e mesmo de talante creador, púxoas de evidencia".
Referencias:
- Alonso Montero, Xesús. «Sobre a editorial Galaxia (1950) e a súa acción cultural (e política) en tempos moi menesterosos, cunha ampla incursión cos nomes dalgúns fundadores, un deles Francisco Fernández del Riego». Francisco Fernández del Riego. Ao meu xeito rebelde. Universidade de Santiago de Compostela, 2023.
- Fernández del Riego, Francisco. Camiño andado. Editorial Galaxia, 2023
- Mascato, Antón. De Compostela ao exilio interior. Francisco Fernández del Riego. Editora Alvarellos, 2023.
- Vilavedra, Dolores. «Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913-Vigo, 2010) [Semblanza]». Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, https://t.ly/okskF
- Villanueva Gesteira, Malores. Francisco Fernández del Riego: un loitador pola idea de Galicia. Editorial Galaxia, 2022.