Filla de Amparo Castaño e do ensaísta Valentín Arias, naceu o 4 de marzo de 1962 na freguesía de Ortoá, en Sarria, onde o pai exercía de mestre no proxecto pedagóxico da Granxa de Barreiros. Con todo, após unha estada do núcleo familiar en Lugo, aos sete anos de idade instálase coa familia en Vigo, cidade en que moraría ata o seu pasamento e dende a que participou nos círculos literarios e culturais galegos do momento. Xela acabaríase considerando unha viguesa máis.

Foto Instituto Castelao, 1974
Aos once anos de idade publica unha pequena narración no Faro de Vigo após ser premiada nun certame infantil. Mais non será ata 1982, aos seus vinte anos de idade, cando comece a publicar os seus primeiros poemas nas revistas que comezaban a abrollar en Galicia como novas canles de difusión poética.
Logo de ter rematado o bacharelato, decide abandonar os estudos, nun xesto de rebeldía contra o autoritarismo académico. É así como dous anos antes da publicación dos seus primeiros poemas, en 1980, Xela Arias comeza a traballar nas incipientes Edicións Xerais de Galicia, o que a situaba nun lugar privilexiado dentro do sistema literario galego.

É en 1986 cando publica a súa primeira colección de poemas, Denuncia do equilibrio, nas mesmas Edicións Xerais de Galicia en que traballaba. Pouco despois, entre 1987 e 1989 desempeña o labor de letrista para a banda viguesa Desertores, neste caso en castelán.
No ano 1990 ve a luz Tigres coma cabalos (Xerais) en coautoría co fotógrafo Xulio Gil, quen foi o seu marido dende 1992 a 2002. O libro, que tamén tivo forma de exposición, resultou polémico no seu lanzamento, ao conter fotografías de Xela Arias espida, canda ás doutros modelos.

No barrio de Chapela, na área metropolitana de Vigo,
a biblioteca adoptou o nome de Xela Arias.


