Xela Arias (Sarria, 1962 – Vigo, 2003) foi unha poeta galega e tradutora que desenvolveu a súa obra dende finais da década de 1980 e comezos da dos 2000. A súa figura, celebrada este ano 2021 no Día das Letras Galegas, está a espertar cada vez máis interese no eido da cultura galega dada a singularidade da súa obra no contexto da revolución poética vivida en Galicia nos derradeiros vinte anos do século XX. Foi unha figura moi activa na renovación cultural, tanto dende a súa faceta de tradutora como da de editora en Xerais, editorial sen a cal non se entende a efervescencia literaria daquel momento.
Dos seus corenta e un anos de vida legounos só catro poemarios, entre os que se atopa un álbum de poesía e fotografía en coautoría con Xulio Gil, Tigres coma cabalos (1990), pioneiro en Galicia pola súa interdisciplinaridade. A súa poética sitúaa como unha das voces que, contra finais da década de 1980, abre moitas das liñas temáticas da poesía galega da década seguinte.