Llengües

Inici >> Coneix el CRAI >> Biblioteques >> CRAI Biblioteca de Lletres >> Letras Galegas 2021: Xela Arias >> Letras Galegas 2021: Xela Arias e o xiro poético dos 90 (04)

Letras Galegas 2021: Xela Arias e o xiro poético dos 90 (04)

Xela Arias
 
É difícil encaixar a poética de Xela Arias dentro dos esquemas xeracionais que se adoitan empregar no estudo da historia da literatura galega. As coordenadas temporais en que se sitúa a aparición da obra levaríannos a situala naquilo que se denomina poesía dos oitenta. Porén, as características formais da súa poesía non encaixan de todo cos presupostos estéticos que caracterizan a produción poética desta xeración (a saber, preferencia polo culturalismo solemne e gusto polo estilo barroquizante). A poética de Xela Arias, pola contra, conecta cunha estética vencellada á cultura urbana da época, en diálogo constante con outras manifestacións artística (lémbrese a súa vinculación á Movida Viguesa) de corte máis punk, sen perder profundidade. Isto supón un adianto das liñas creativas que caracterizarían a poesía da década seguinte.
 
 
A mesma Xela afirmou non compartir os mesmos referentes á hora de escribir que aqueles que eran comúns ás e aos poetas que deron en encaixar nos presupostos da poesía dos oitenta. A poeta viguesa foi pioneira á hora participar, dende a literatura galega, do universo do rock, da vida urbana, das problemáticas contemporáneas nunha cidade como Vigo como eran, por exemplo, as drogas. Foi a mesma Xela quen recoñeceu en múltiples ocasións a influencia de Lou Reed, os Beatles ou os Rolling Stones na súa obra. Moi afastada quedaría, xa que logo, a estética burguesa, sobria e estilizada da poesía da xeración dos 80.
 
Porén, Xela Arias foi pioneira abrindo o camiño do que marcaría as liñas xerais da xeración dos 90. Esta foi unha xeración moi marcada pola ruptura cos presupostos predominantes na década anterior. Abriríase paso unha poética da vida máis próxima, unha poética das marxinalidades sociais en que a obra de Xela Arias foi pioneira, adiantando poéticas tan impactantes como, por exemplo, a de Lois Pereiro e, sobre todo, introducindo na poesía galega o punto de vista feminino e feminista que foi crucial para esta xeración: a xeración dos 90 está composta principalmente por poetas mulleres que comezaron a escribir con conciencia de xénero, levando o debate feminista ao mesmo centro do canon literario galego xa nese tempo.
 
Elevar as pálpebras  
 

 

Xela Arias chama a revisar o que se deu en chamar poesía dos oitenta canda a outros autores como Ana Romaní, Luísa Castro, Helena de Carlos ou Antón Reixa. Quizais un dos máis salientables adiantos epocais que supuxo a súa poesía sexa aquel que enfía a reflexión de xénero, que remataría sendo un trazo definitorio de poéticas tan importantes na década de 1990 como as de Yolanda Castaño, Lupe Gómez ou Olga Novo.

 

Bibliografía:

  • Nogueira Pereira, María Xesús (2018). “Introdución”, “Notas biográficas” e “A poesía de Xela Arias” en Xela Arias, Poesía reunida (1982-2004). 2018. Vigo: Xerais.
  • Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Historia da Literatura Galega. En liña: http://literaturagalega.as-pg.gal/index.html.

Segueix-nos

totes les xarxes socials del CRAI icono de canal de contenidos sindicado  twitter Blog del CRAICanal de YouTube del CRAI de la UB

 

Footer - Copyright

 

Logo de Creative Commons Els continguts del web CRAI UB estan subjectes a la llicència de Reconeixement de Creative Commons 4.0, llevat que s'hi indiqui el contrari.

 

Campus d'exelencia

Pla de sostenibilitat del CRAI                           Segell EFQM 500    Logo de Bibliotecas comprometidas con la excelencia