Inici >> Coneix el CRAI >> Biblioteques >> CRAI Biblioteca de Lletres >> Letras Galegas 2021: Xela Arias >> Letras Galegas 2021: Biografía de Xela Arias (01)

Letras Galegas 2021: Biografía de Xela Arias (01)

Xela Arias
Filla de Amparo Castaño e do ensaísta Valentín Arias, naceu o 4 de marzo de 1962 na freguesía de Ortoá, en Sarria, onde o pai exercía de mestre no proxecto pedagóxico da Granxa de Barreiros. Con todo, após unha estada do núcleo familiar en Lugo, aos sete anos de idade instálase coa familia en Vigo, cidade en que moraría ata o seu pasamento e dende a que participou nos círculos literarios e culturais galegos do momento. Xela acabaríase considerando unha viguesa máis.
 
Foto Instituto Castelao, 1974
 
Aos once anos de idade publica unha pequena narración no Faro de Vigo após ser premiada nun certame infantil. Mais non será ata 1982, aos seus vinte anos de idade, cando comece a publicar os seus primeiros poemas nas revistas que comezaban a abrollar en Galicia como novas canles de difusión poética.
 
Logo de ter rematado o bacharelato, decide abandonar os estudos, nun xesto de rebeldía contra o autoritarismo académico. É así como dous anos antes da publicación dos seus primeiros poemas, en 1980, Xela Arias comeza a traballar nas incipientes Edicións Xerais de Galicia, o que a situaba nun lugar privilexiado dentro do sistema literario galego.
 
 
É en 1986 cando publica a súa primeira colección de poemas, Denuncia do equilibrio, nas mesmas Edicións Xerais de Galicia en que traballaba. Pouco despois, entre 1987 e 1989 desempeña o labor de letrista para a banda viguesa Desertores, neste caso en castelán.
 
No ano 1990 ve a luz Tigres coma cabalos (Xerais) en coautoría co fotógrafo Xulio Gil, quen foi o seu marido dende 1992 a 2002. O libro, que tamén tivo forma de exposición, resultou polémico no seu lanzamento, ao conter fotografías de Xela Arias espida, canda ás doutros modelos.
 
Placa conmemorativa na casa natal da poeta en Sarria.
Placa conmemorativa na casa natal da poeta en Sarria.
 
En 1991, Xela Arias retoma os seus estudos, matriculándose en Filoloxía Hispánica e, máis adiante, en Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Vigo. Após ter cursados serodiamente os estudos universitarios accedeu á profesión de mestra de ensino secundario dentro do sistema público.
 
No barrio de Chapela, na área metropolitana de Vigo, a biblioteca adoptou o nome de Xela Arias.
No barrio de Chapela, na área metropolitana de Vigo, a biblioteca adoptou o nome de Xela Arias.
 
En 1994 nace o seu fillo Darío, a quen en 1996 lle dedicaría o poemario Darío a diario (Xerais). Terían que pasar sete anos, en que Xela se implicou en proxectos inacabados ou inéditos ao mesmo tempo que noutras actividades culturais, para que saíse do prelo o derradeiro libro que nos deixaría, Intempériome (Espiral Maior, 2003).
 
 

 

No mesmo ano 2003, Xela Arias morre e é enterrada no cemiterio do Pereiró, en Vigo. Deixaba sen rematar o espectáculo “Vencerse é cousa de se tratar”.

Segueix-nos

totes les xarxes socials del CRAI icono de canal de contenidos sindicado  twitter Blog del CRAICanal de YouTube del CRAI de la UB

 

Footer - Copyright

 

Logo de Creative Commons Els continguts del web CRAI UB estan subjectes a la llicència de Reconeixement de Creative Commons 4.0, llevat que s'hi indiqui el contrari.

 

Campus d'exelencia

Pla de sostenibilitat del CRAI                           Segell EFQM 500    Logo de Bibliotecas comprometidas con la excelencia